‘Ecoloxistas en acción’ outorga a bandeira negra a Barraña

    bandeiranegrabarraa_100_190707.jpgBOIRO > A pesar de que a bandeira azul ondea este verán na praia boiresa de Barraña moitos dos seus usuarios denuncian a falta de limpeza do areal.

    A acumulación de lixo é un dos problemas máis graves que rexistra a praia de Barraña, en Boiro. Moitos dos seus usuarios sosteñen que as tarefas de limpeza acometidas pola brigada municipal limítanse á zona de praia xardín, mentres que a parte do areal comprendida entre o río Breiro e o Saltiño acumula residuos durante días. Dende cristais e plásticos ata incluso aves mortas, o que supón un problema sanitario grave.

    bandeiranegrabarraa_200_190707.jpgAdemais dos problemas coa limpeza, os bañistas denuncian a carencia dun dispositivo de salvamento nesta parte da praia así como o mal estado dos servizos sanitarios públicos, na actualidade en desuso pola falta de auga.

    Para os usuarios da praia, esta situación é froito da deixadez do goberno municipal, que a pesar das reiteradas queixas formuladas por veciños e turistas, non ten feito nada por solucionar a problemática que se vén rexistrando dende hai moitos anos.

    Bandeira negra

    Ante estas denuncias resulta paradoxal que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) veña concedendo dende hai tres anos a bandeira azul a esta praia, polo suposto cumprimento dos parámetros de calidade, hixiene e servizos.

    En protesta por este feito, ‘Ecoloxistas en Acción’ outorgoulle ó areal boirés a bandeira negra que supón o contrapunto dos distontivos concedidos pola Unión Europea.

    Esta non é a primeira vez que a praia de Barraña está no punto de mira polos seus probelmas ambientais x que o ano pasado un informe da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) catalogouna como non apta para o baño.

    Redacción Barbanza