Un acuífero dunha canteira en Meis calma, de momento, a demanda de auga no Salnés

    SALNÉS > Unha empresa de Meis, sita na parroquia de Paradela, pon a disposición do Salnés un banco de auga dunha canteira. A Xunta e os alcaldes constataron a boa calidade do líquido que xa se está a canalizar cara a parte baixa do Umia para mellorar o abastecemento de auga á poboación. A través de dúas bombas poderanse bombear de entre 60 a 90 litros por segundo. Medio Ambiente bota man desta solución e anuncia que para o venres xa entrará en funcionamento a canalización paralela ó río.

    auga_canteira_meis_200_060906.jpgO subministro de auga potable ós concellos do Salnés podería normalizase o venres, segundo informou a Xunta ós alcaldes da zona nunha reunión celebrada este mércores ó mediodía. O conselleiro de Medio Ambiente asegurou que xa hai instalados 4 quilómetros de tubería na canle de abastecemento alternativo, que estará rematada na madrugada do xoves ó venres. Pero ademais atopouse auga nunha canteira en Meis capaz de subministrar 60 litros por segundo e que permitiría surtir de auga ó Salnés nestes días críticos. A media tarde os alcaldes visitaban esta canteira, propiedade da empresa Áridos del Umia, na parroquia de Paradela. Nese intre xa funcionaba unha bomba e estábase a instalar outra que, dependendo da cantidade de auga que fose capaz de surtir, permitiría ter máis ou menos horas aberto o subministro de auga no Salnés na noite do mércores.

    Onde non haberá cortes é en Vilagarcía. Así o anunciou o mércores o Concello tras sufrir un problema de esgotamento a pasada madrugada. Ó parecer os veciños creron que o anuncio do corte tamén afectaba a Vilagarcía e acumularon auga. Ó ver pola mañá que o subministro funcionaba con normalidade, tirárona provocando a perda de miles de litros e a baixada da presión na rede.

    depositos_vilagarcia_200_060906.jpgÓ longo do día a presión foi recuperándose grazas ó abastecemento nos depósitos vilagarciáns por medio de camións cisterna, pero o concello segue a pedirlle ós veciños control no consumo de auga. Tamén lle pide ós que teñen fontes, pozos ou traídas veciñais que usen estas e deixen a traída municipal para aqueles que non teñen outra posibilidade de obter auga. Advirte ós que teñen rego automático que non se pode usar e que a policía local sancionará ós que o fagan e ademais cortaráselles a auga. E finalmente recorda que Protección Civil está subministrando a través de cisternas ós que teñen problemas co abastecemento.

    ACCIDENTE MORTAL

    accidente_mortal_caldas_200_060906.jpgPrecisamente unha desas cisternas que abastecía á empresa Clesa, en Caldas, sufriu este mércores un accidente que lle custou a vida a unha persoa e feridas a outras dúas. Ocorreu a media mañá no lugar de Gundiñáns, en Saiar, Caldas. O tractor ía cargado de auga cando, ó parecer, o terreo cedeu e a cisterna caeu a unha finca arrastrando a tres persoas que paseaban pola estrada. O falecido era un home de 74 anos residente en Arxentina e que pasaba o verán en casa duns familiares. Chamábase Luís e paseaba, como cada día, coas súas sobriñas bisnetas. Momentos antes unha veciña víraos comendo uvas fronte á súa casa. Uns segundos despois escoitou os berros das pequenas. Todo indica que o terreo cedeu polo peso da cuba cargada e provocou que a cisterna virase.

    AUGA EN PERFECTO ESTADO

    analisis_pontebaion_200_060906.jpgA Consellería de Medio Ambiente asegura que o sistema de corrección da contaminación do río Umia está sendo bo. De feito, as analíticas realizadas no tramo que vai desde o primeiro dique nas Aceñas ata o segundo en Ponte Baión indican que a auga está perfectamente. O conselleiro tamén asegurou que no vertido non hai xa ningún metal pesado, polo que a recuperación do río Umia parece posible a medio prazo. Ademais, na zona podíanse ver peixes vivos. Nas vindeiras horas está previsto que se deixe pasar o líquido ata o seguinte dique de contención. As boas condicións da auga faría posible abrir nestes momentos o punto de captación de Baión pero a Consellería considera prudente facer aínda máis analíticas.

    Medio Ambiente aproveitará este tratamento no río Umia para por en marcha un plan de rexeneración integral. A Xunta recibirá este xoves un plan de rexeneración de lodos e ribeira do Centro Superior de Investigacións, pero o conselleiro Manuel Vázquez, insta ós alcaldes da zona a reunírense unha vez pase esta crise para tratar de recuperar o Umia no seu conxunto.

    manuelvazquez_ecoloxistas_200_060906.jpgManuel Vázquez reuniuse este mércores con representantes dos grupos ecoloxistas Adega, Vergaia, Sociedade Galega de Historia Natural, a Federación Ecoloxista Galega e Greenpeace. Algúns destes colectivos, como Adega, xa levan desde o día do accidente rescatando e trasladando os peixes vivos a zonas do río libres de contaminación e osixenadas. Outros como Greenpeace están a recompilar datos coa intención de tomar parte como acusación particular en caso de que se lle abra proceso xudicial a Brenntag. O colectivo ecoloxista presentou este mércores unha denuncia contra a empresa.

    PEIXES E AVES MORTAS

    Pese ás boas novas que trasladaba o conselleiro Pachi Vázquez, a situación medioambiental segue sendo moi preocupante. Nas últimas horas apareceron peixes mortos no tramo do río anterior a onde tivo lugar o vertido. Esto súmase ós paxaros mortos aparecidos no Concello de Portas nos últimos días. Unha situación que o alcalde considera sumamente preocupante. O conselleiro de Medio Ambiente asegura que están investigando tódolos vertidos e recorda que o rio Umia xa era un dos máis contaminados de Galicia, pero aproveitarán esta desgraza para solucionalo.

    Redacción Salnés