BNG e PSOE gobernarán en minoría tralo cesamento de Manuel Velo

    velo_100_130906.jpgBOIRO > O alcalde de Boiro, Xosé Deira, anunciou o cesamento do concelleiro independente Manuel Velo como membro do executivo por incumprimento do pacto de goberno. Segundo o rexedor boirés a súa actitude é ‘inadmisible’ posto que dende hai tempo ‘tenta desestabilizar calquera acción de goberno’ opoñéndose a proxectos de vital importancia para o municipio e ocultando información á opinión pública.

    O cesamento fíxose oficial coa sinatura do documento por parte do alcalde aínda que este xa lle comunicara a súa decisión a Manuel Velo con antelación. O rexedor boirés esixiu ó concelleiro independente que mudara a súa postura en relación ós convenios urbanísiticos pendentes de aprobación ou do contrario sería apartado do goberno.

    Durante a comparecencia, Deira acusou a Velo de ‘deslealdade’ e de estar a converter o concello de Boiro nun ‘auténtico espectáculo de circo’. Así mesmo, referiuse ás comparecencias públicas do edil independente que, ó seu parecer, oculta información provocando congusión na opinión pública.

    A partir de agora ábrese unha nova etapa para o executivo boirés que deberá consensua-las decisións do goberno cos membros da oposición.

    Con respecto ós polémicos convenios urbanísticos o executivo dará conta no pleno dos proxectos de Eroski e LyC. A continuación abrirase un periodo de exposición pública para a presentación de alegacións e a partir de aí iniciaranse os trámites para a modificación puntual do PXOM que permita a recalificacións do terreos da Pedreira. deira_200_130906.jpg

    Previamente Manuel Velo ofrecera unha rolda de prensa durante a cal non confirmou o seu cesamento senón que indicou non ter coñecemento do mesmo. O voceiro de IC Boiro reiterou o seu rexeitamento ó convenio de Eroski por consideralo moi gravoso para as arcas municipais. Así mesmo, afirmou que sempre se mantivo leal ó pacto de goberno coa convicción de defender os intereses dos cidadáns de Boiro.

    Manuel Velo sostén que foron os seus compañeiros de goberno os que non respectaron o pacto posto que, dede hai ano e medio, non se celebra ningunha comsión de seguimento a pesar das súas reiteradas solicitudes. Neste sentido, Velo considera que o executivo boirés está a poñer en entredito o carácter democrático das institucións con feitos como a prohibición de falar sobre o convenio de Eroski dictada polo alcalde.

    Manuel Velo insisitu na súa negativa a apoiar o acordo con Eroski posto que favorece os intereses da compañía vasca en detrimento dos cidadáns boireses. Mediante este convenio, a sociedade Erosmer Ibérica obtería setenta e dous mil metros cadrados fronte ós cincuenta e seis mil da finca de Goiáns. Así mesmo, a empresa non se faría cargo da construción do vial da Pedreira tal e como se tiña establecido.

    O edil boirés informou ademais de que este acordo non inclúe os informes xurídicos e a documentación precisa para a exposición pública do proxecto polo que presenta unha serie de irregularidades.

    Redacción Barbanza