Portas segue subministrando a auga a través de cisternas

    PORTAS > A pesares de que o subministro de auga está practicamente regularizado no Salnés, hai un concello que segue tendo graves problemas de auga. Trátase de Portas, onde está o tramo do Umia contaminado pola mancha de Brenntag e a onde non chega o by-pass feito por Medio Ambiente. Por iso tres parroquias deste concello continúan a merced das cisternas que subministran ó depósito.

    abastecemento_portas_200_130906.jpgAta 200.000 litros diarios chegan ó depósito de auga de Romai que surte ás parroquias de Portas, Lantaño e Romai. Sen embargo a auga non chega a nada e pola noite, cando non hai transporte, o depósito queda totalmente baleiro. Un problema que se vai manter no tempo, xa que o tramo do río ó seu paso por Portas é precisamente o máis afectado pola mancha, e a altura deste depósito impide que se poida surtir da tubería instalada por Medio Ambiente para leva-la auga dende a desembocadura do Chaín ata Pontearnelas.

    Unha situación que está a provocar gran preocupación entre os veciños. Precisamente un grupo deles, xunto co alcalde, redactaron un documento que lle enviaron a Medio Ambiente. Nel piden que o depósito de Romai se conecte directamente ó encoro do Umia, tal como estaba previsto nun principio e que se garanta o saneamento do río de forma definitiva. Tamén aproveitan para agradece-la rápida actuación da Consellería de Medio Ambiente e da Deputación de Pontevedra que impediu que a traxedia fose maior.

    Pero ó problema da auga hai que sumarlle á preocupación polo estado do río ó seu paso polo municipio e tamén das hortas. Os veciños seguen preocupados polo estado sanitario dos productos que cultivan preto da zona onde ocorreu o sinistro a pesares de que Medio Rural xa enviou unha carta ó Concello de Portas garantindo que non hai contaminación e que os productos se poden consumir sen problemas.

    Redacción Salnés