O concello da Pobra traballa nas alegacións ó Plan de Usos Portuarios

    POBRA> O concello da Pobra estuda as alegacións a presentar ó Plan de Delimitación de Usos e Espazos Portuarios. A intención do executivo é reclamar a titularidade municipal dos terreos que van dende a Alameda ata o colexio. O Plan de Delimitación de Usos e Espazos Portuarios da Pobra que está a tramitar Portos de Galicia establece unha serie de cambios na afección de diferentes zonas do litoral. A praza Segundo Durán e o Parque do Castelo viñan dependendo ata o de agora da administración local pero a súa titularidade non estaba definida oficialmente posto que existía un acordo de cesión a Portos. Coa aprobación do novo plan, o espazo pasará definitivamente ó concello. Unha fórmula similar é a pretende o executivo para os terreos nos que se asentan os xardíns, o CAD, o colexio Fernández Varela ou a praza de abastos. O goberno local ten previsto solicitar a súa desafectación a Portos sempre e cando exista un compromiso da Demarcación de Costas para a súa cesión. A cesión destes terreos conlevaría efectos positivos para as arcas municipais que se verían liberadas do pago das taxas a Portos pola instalación do mercadiño, que na actuaidade supoñen un desembolso de mil novecentos euros mensuais. Dende o concello tamén estudarán fórmulas para conseguir a desafectación de instalacións que a pesar de estar emprazadas en dominio portuario non teñen relación con estes usos, como a estación de autobuses. O executivo xa iniciou os contactos con técnicos de Portos de Galicia para buscar a mellor fórmula en cada caso concreto. As alegacións deberán estar presentadas nun prazo máximo de corenta e cinco días dende a publicación do documento que se realizou o 23 de outubro.