RIBEIRA> A Conselleira de Política Social visitou as futuras instalacións do Punto de Encontro Familiar que se habilitarán en Ribeira. A capital do Barbanza converterase no oitavo concello galego, despois das sete cidades, en contar con este servizo.
A Xunta investirá 150 mil euros no acondicionamento deste local, emprazado na zona de Fontán, para dotar a Ribeira dun punto de encontro familiar. Tras realizar un estudo das necesidades existentes en Galicia, Política Social detectou a alta demanda do Barbanza para contar con este servizo dirixido a familias con proxenitores separadas ou en trámites de separación.
Neste punto disporán dun espazo para reunirse cos fillos e contarán con servizo de orientación e asesoramento nas cuestións relativas á tutela dos menores. Está previsto que as obras, valoradas en 156 mil euros, saian a licitación os próximos días co obxectivo de que o novo servizo poida entrar en funcionamento ó longo deste ano. O custo anual de mantemento ascenderá a 200 mil euros e a xestión realizarase mediante unha empresa externa.
O novo punto de encontro dará servizo a familias de tódolos concellos da comarca. Funcionará sete días á semana e contará cunha media de seis traballadores.