Torres Colomer arremete contra Portos por tralada-lo Sunny Jane a Ribeira

    torressunnyjane_100_130906.jpgRIBEIRA > O cargueiro ruso Sunny Jane segue vagando sen rumbo pola ría de Arousa. O martes a embarcación chegaba a Ribeira despois de que o pasado 28 de agosto atracara no porto da Pobra do Caramiñal. A Dirección de Portos de Galicia decidíu trasladar a embarcación para liberar a liña de atraque da Pobra, unha decisión que non foi ben acollida polo executivo ribeirés.

    O Sunny Jane leva xa preto de dous meses fondeado en augas da Ría de Arousa e o seu futuro, polo de agora, parece incerto. Despois de estar dúas semanas atracado no porto da Pobra do Caramiñal, o ente autónomo de Portos de Galicia decidíu trasladalo ó muelle de Ribeira. Segundo a entidade, o cargueiro estaba ocupando unha liña de atraque e entorpecendo, consecuentemente, as tarefas de descarga de mercadorías doutras embarcacións. A decisión caeu como unha xerra de auga fría no concello ribeirés. Ó alcalde ribeirés non lle convence esta explicación porque se o cargueiro molesta na Pobra, en Ribeira tamén.sunny_jane_200_130906.jpg

    Torres Colomer considera que esta foi a gota que colmou o vaso. Afirma que o ente autónomo de Portos leva tempo cometendo irregularidades na xestión de diferentes espazos que son da súa competencia, coma a falta de limpeza no porto ribeirés e no entorno da Lonxa ou o deficiente mantemento da urbanización construida no porto de Aguiño. Ante esta situación, Colomer non dubida en pedir a dimisión do presidente da entidade.

    O executivo ribeirés considera que tras esta manobra de Portos se agocha a intención de desbaratar as obras de reforma do porto ribeirés, consistentes na ampliación da liña de atraque. Segundo Colomer, o único que se consegue co envío do Sunny Jane ó porto da cidade é obstaculizar o traballo das embarcacións que se achegan ata o porto ribeirés para descargar a súa mercadoría, tendo que ser desviados cara a Pobra.

    Redacción Barbanza