Os veciños da estrada AC 302 reclaman a construción de beirarrúas

    POBRA > O deputado autonómico do PSOE, Xosé Manuel Lage Tuñas, desprazouse ata a Pobra do Caramiñal para atender ás demandas dun grupo de veciños que viven nas inmediacións da estrada AC 302. Os cidadáns reclaman que o proxecto de remodelación do vial, actualmente en obras, contemple a construcción de beirarrúas. A visita do parlamentario colleu por sorpresa ó alcalde pobrés, que compareceu ante os medios para anunciar o remate destas obras en outubro.

    As obras que actualmente se están a levar a cabo na estrada AC 302 que une A Pobra e Oleiros constitúen unha actuación prevista xa no ano 2003. O motivo polo que non se comezaron ata agora é porque a Xunta, entidade encargada das reformas, non as executou durante o goberno do Partido Popular, ou polo menos iso é o que afirma o parlamentario socialista José Manuel Lage Tuñas. Ademais deste retraso, Lage advirte que no proxecto inicial non se contemplou a instalación de servizos importantes como beirarrúas para os peóns. Agora os socialistas pretenden acudir á Consellería de Política Territorial para modificar o proxecto inicial.

    estradamoldes_300_130906.jpgA reunión de Lage Tuñas cos veciños producíase minutos antes de que o alcalde pobrés e o concelleiro de Obras Públicas comparecesen ante os medios para facer balance da marcha destas obras. Ámbolos dous políticos locais afirmaron descoñecer a presenza do parlamentario socialista no concello, unha actitude que Maceiras cualificou de falta de respecto e apelou á coordinación das institucións.

    O concelleiro de obras públicas, Xosé Manuel Castro, recordou que desde o concello da Pobra están disposto a actuar como intermediarios ante a Xunta para resolver calquera demanda dos veciños.

    Polémicas á marxe, alcalde e concelleiro de urbanismo anunciaron que as obras de mellora deste vial rematarán no vindeiro mes de outubro. Trala remodelación, a estrada contará con carrís máis amplos, maior visibilidade e alumeado público, melloras todas elas que redundarán nunha maior seguridade vial.

    Despois de máis dun mes de obras, o executivo pobrés prevé que a estrada AC 302 estea rematada en outubro. Cun orzamento aproximado dun millón setecentos mil euros, o vial que enlaza A Pobra do Caramiñal coa parroquia ribeiresa de Oleiros contará cun carril de 3,5 metros de ancho en cada sentido, cunetas de 0,5 metros e sendeiro pavimentado de metro e medio a cada lado. O obxectivo destas melloras non é só adecentar a estructura do vial, senón tamén aumentar a súa seguridade, de aí que se estean mellorando os rasantes, se eliminasen algunhas curvas para aumentar a visibilidade e se reformasen catro interseccións. Os traballos remataranse coa colocación da sinalización pertinente e a instalación do sistema de alumeado.

    O alcalde pobrés Isaac Maceiras suliñou que estas obras supoñen unha mellora das comunicacións entre o municipio e o Polígono Industrial da Tomada así coma do Hospital Comarcal da Barbanza, ademais de engadír valor a puntos de interese turístico como a Serra do Barbanza ou o miradoiro da Curota.

    Redacción Barbanza