![]()
RIBEIRA > A flota pesqueira está a atravesar unha profunda crise a causa dos elevados prezos acadados polos combustibles.
Dende o ano 1998, o prezo do gasoil experimentou unha suba equivalente ó cincocentos por cento. Isto, unido ó encarecemento doutros materiais e maquinaria de traballo, e ós escasos valores que está a acadar o peixe, está a provocar unha situación practicamente insostible para os traballadores do mar.
Co fin de solicitar unha rebaixa no prezo do combustible, a Confederación galega de Pesca convocou unha manifestación que se celebrará o vindeiro venres, día 25 en Madrid. Á ela asistirán numerosos colectivos de profesionais da comarca, como é o caso da flota de arrastre de Ribeira, que a próxima semana vai celebrar unha reunión para organizar a súa asistencia á protesta.
O colectivo de arrastreiros de Ribeira constitúe na actualidade unha das principais flotas da costa galega, cun total de 33 embarcacións e unha media de dez tripulantes, que xeran cada un deles, arredor de sete postos de traballo indirectos en terra. Un sector clave para a economía galega pero que atravesa unha fase de nula rendibilidade, co que a súa supervivencia estase a ver seriamente ameazada.
A manifestación do próximo día 25 en Madrid será soamente o inicio dunha serie de medidas de presión moito máis duras. Os colectivos afectados xa anunciaron que non descansarán ata conseguir unha redución dos prezos nos combustibles similar á acadada en Francia, onde o litro de gasoil descendeu ata os trinta céntimos de euro.
{flowplayer}barbanza/arrastreiros.flv{/flowplayer}
Redacción Barbanza











