BOIRO> A agrupación socialista de Boiro demanda á Xunta de Galicia un incremento no finaciamento do Servizo de Axuda no Fogar. Considera que as partidas consignadas pola administración autonómica son insuficientes polo que o sobrecusto acaba recaendo sobre os concellos.
A través dunha moción presentada a pleno, os socialistas de Boiro demandan á Xunta de Galicia unha maior dotación orzamentaria para financiar o servizo de axuda no fogar. Na actualidade, a administración autonómica achega 12 euros por hora de servizo cando o custe real encareceuse notablemente, oscilando entre os 22 e os 24 euros.
O déficit entre o prezo establecido pola Xunta que se mantén conxelado dende hai anos e o custe real do servizo está a ser asumido polos concellos constituíndo unha pesada carga para as arcas municipais.
Denuncian ademais que se trata dun servizo cada vez máis demandado polo que instan á Xunta a dotalo de máis recursos e medios para reducir as listas de agarda e o número de usuarios pendentes de valoración.