Gonzalo Durán asegura á poboación que a auga do Umia é potable

    SALNÉS > Con este xesto, bebendo unha copa de auga da billa, o alcalde de Vilanova quixo demostrar ós veciños do seu concello que o líquido que reciben pola canalización do río Umia é potable. Gonzalo Durán tamén informou ós veciños que a vindeira semana técnicos da Xunta e do Concello valorarán os danos ocasionados en fincas próximas ó río polas obras de canalización da auga. Este martes tamén soubemos que a Deputación de Pontevedra instalará nas marxes do Umia tres depuradoras e unha rede de saneamento de 7.500 metros, como complemento ás tarefas de recuperación do río.

    duran_bebendo_auga_umia_200_120906.jpgO alcalde de Vilanova quixo tranquilizar á poboación asegurando que a auga que lles chega do río Umia é potable e que se pode beber perfectamente. Por iso non dubidou en recoller unha copa de auga da billa e bebela para demostralo. Foi nunha rolda de prensa celebrada este martes pola mañá no concello de Vilanova.

    O rexedor vilanovés aproveitou tamén para anunciar ós propietarios de fincas afectadas pola construcción da tubería de abastecemento provisional que lles serán revisadas. No gabinete de crise celebrado o luns en Cambados xa lle trasladou este asunto ó conselleiro Manuel Vázquez, quen lle comunicou que a vindeira semana se achegarán técnicos de Medio Ambiente e persoal do concello para valorar os danos, que, de entrada, serán asumidos pola Xunta de Galicia. Segundo sinalou Gonzalo Durán estas obras discorreron por cinco quilómetros ó longo do río afectando a viñedos, fincas de millo e arborado particular, tanto en Caldas como na parroquia vilanovesa de Baión.

    Con respecto á xestión da crise trala esplosión de Brenntag e a posterior contaminación no río, Durán considera que se traballou de firme, en tanto que, dentro da gravidade, se buscou unha solución. Sen embargo critica que tivera que ser con este accidente que se espertase o talante ecoloxista. O alcalde vilanovés lembrou que o seu goberno leva anos investindo en saneamento en localidades próximas ó Umia, un traballo que agora ve que non serviu, xa que río arriba outros concellos, como Caldas, non o fixeron.

    DEPURACIÓN E SANEAMENTO

    depurando_umia_200_120906.jpgA Deputación de Pontevedra informou este martes que instalará tres plantas depuradoras compactas e unha rede de saneamento de máis de sete quilómetros lineais de tubería no río Umia. As accións, encamiñadas á recuperación do río, suporán un investimento superior a un millón de euros. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, anunciou estas medidas que teñen por finalidade a depuración de augas residuais urbanas de poboacións situadas nas marxes do Umia.

    As tres plantas depuradoras compactas dispoñen de aireación prolongada e desinfección con ozono. Unha delas será para unha poboación de menos de cen habitantes e as outras dúas, instalaranse en poboacións tamén dispersas pero de 250 habitantes. A rede de saneamento secundario suporá o acceso dunha poboación de 3.000 habitantes á rede principal. Segundo explicou Louzán, para instalar as depuradoras e a rede de tubería elixiranse lugares onde estean detectados vertidos de fecais, principalmente. Deste xeito, a Deputación investirá na recuperación do Umia o contido do proxecto Redesanea, incluído na Iniciativa Comunitaria Interreg III-A.

    Redacción Salnés