SLG constata que a apenas hai uva de Rías Baixas sen colocar

    vendima_salnes_100_140906.jpgSALNÉS > A aplicación dos contratos de compravenda de uva acordados na Mesa do Viño Rías Baixas parece que está a devolver a tranquilidade a un sector inmerso nas tarefas da vendima. O Sindicato Labrego Galego constatou nas subzonas desta Denominación de Orixe do Salnés, Baixo Miño e Condado que a uva se está a colocar sen problemas e incluso por riba do prezo mínimo acordado na Mesa.

    vendima_salnes_200_140906.jpgO Sindicato Labrego Galego asegura que nesta vendima se respira tranquilidade despois da entrada en vigor dos contratos homologados de compravenda de uva da Denominación de Orixe Rías Baixas. A organización sindical analizou o desenvolvemento da presente campaña e asegurou que a penas reciben incidencias de uva sen colocar. De feito, moitas das adegas xa se preocuparon un mes antes da vendima de buscar uva de calidade no mercado.

    Na comarca do Salnés o forte da vendima iníciase esta semana, con permiso das chuvias, ó igual que no Baixo Miño. No Condado xa empezaron a semana pasada e segundo o Sindicato a uva que está a entrar nas adegas é dunha calidade exquisita, cun grao medio de 12 e medio ou 13, e unha acidez moi boa. Ademais de colocar practicamente toda a uva, o Sindicato ten constatado incluso prezos por riba dos estipulados na Mesa do Viño.

    vendima_salnes1_200_140906.jpgMentres moitas adegas pospuxeron a vendima ata a fin de semana, outras xa remataban este xoves, como Comercial Oula, que dispón de arredor de 22 hectáreas en Pazo de Baión. Os técnicos, observando a rápida maduración dos acios, decidiron comezala o pasado día un de setembro. Unha vendima atípica, é a cualificación do enólogo de Comercial Oula, Roger Fernández, que chegou estes días a Pazo de Baión para seguir a fermentación do mosto. A climatoloxía e a rápida maduración dos acios foron as razóns polas que os técnicos da adega decidiron comezar a vendima o pasado día un de setembro.

    O desenvolvemento da vendima realizouse con moita normalidade e satisfacción por parte dos responsables da adega xa que o rendemento en uva foi excelente. O grao alcohólico non baixou de doce graos e a acidez estivo moi equilibrada. Aínda que é cedo para saber como se desenvolverán os caldos, o enólogo cre que este ano volverán a ter un viño excelente.

    Redacción Salnés