SANXENXO> Un veciño de Noalla, Sanxenxo, de 44 anos faleceu esta madrugada despois de que o vehículo que conducía caera ao mar no porto de Portonovo. Foi el mesmo quen deu a voz de alarma pero a pesares do amplo dispositivo que se puxo en marcha, non se puido facer nada por salvarlle a vida. O cadáver foi localizado na zona do embarcadoiro. Todo apunta que, aínda que conseguiu saír do vehículo, o mal estado do mar rematou por arrastralo ata esa zona.
O día comezaba hoxe cunha tráxica nova en Portonovo, no concello de Sanxenxo. Un home de 44 anos e veciño de Noalla faleceu despois de caer ao mar nun coche no porto, detrás da lonxa portonovesa. O suceso produciuse ao redor das 4 e media da madrugada.
Foi a propia vítima quen alertou do accidente ao 112. Segundo explican dende o Centro de Atención de Emerxencias, durante a súa chamada o home apuntou que estaba no interior do vehículo, que estaba a afundirse e que non sabía nadar.
Finalmente, o cadáver deste veciño de Noalla foi localizado ao redor das 6 da madrugada na zona do embarcadoiro do peirao de Portonovo. Todo apunta a que a vítima conseguiu saír do interior do coche pero o vento e as correntes existentes neses momentos desprazárono ata o lugar onde finalmente foi localizado xa falecido.
O levantamento do cadáver realizouse ao redor das 9 menos 20 da mañá. Para o operativo foron mobilizados o 061, persoal de Salvamento Marítimo, o servizo de Gardacostas de Galicia, Bombeiros do Salnés, o GES de Sanxenxo, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil.