EU pide ó Concello as contas das festas de San Roque 2007

    fajardo_100_210807_.jpgVILAGARCÍA > Rematadas as festas, veñen as valoracións. EU fala de competencia desleal cos hostaleiros locais, de desigualdade …

    … en certos actos, como o música na rúa, e ademais piden as contas das festas. O edil de Cultura de Vilagarcía, considera que San Roque 2007 foi un ‘éxito rotundo de participación’.

    O grupo de Esquerda Unida de Vilagarcía solicita do goberno local un exhaustivo informe económico das festas de San Roque. O portavoz Juan Fajardo aclara que o seu grupo quere comprobar se os actuais membros da concellería de Cultura racharon coa política clientelar doutras edicións, ou seguen a utilizar os orzamentos festeiros para as amizades.

    festa_da_auga_vilagarcia200_210807.jpgEsquerda Unida propón que a planificación das festas se abra ó maior número de colectivos posibles. Indica por exemplo que sexan os propios músicos locais os que organicen o chamado música na rúa, para evitar, di Fajardo, a desorganización e desigualdade que se deu este ano. O seu grupo critica tamén a utilización do programa festivo como competencia desleal ós hostaleiros do concello.

    O propio edil de Cultura Xosé Castro Ratón, valoraba onte o San Roque 2007 como un ‘éxito rotundo de participación’. Segundo indicou, a Festa da Auga e o Combate Naval foron os eventos que concentraron maior número de persoas. Fixo especial mención do día grande, o pasado sábado, cando a cidade estivo chea desde a tardiña ata ben entrada a madrugada, co desfile Roque Parade, e o concerto de Antonio Orozco, entre outras actividades. Castro Ratón recoñece que hai aspectos manifestamente mellorables como os concertos, e afirmou que a idea é contratar actuacións máis diversificadas.

    Redacción Salnés