O Ministerio de Pesca autoriza o traslado da carga do Sunny Jane

    RIBEIRA > A Comisión Europea acaba de autorizar o traslado da mercadoría do ‘Sunny Jane’ trala avaría sofrida polas instalacións frigoríficas do cargueiro ruso. Esta medida prodúcese cando aínda está recente a polémica polo traslado do buque dende A Pobra do Caramiñal ó concello de Ribeira, un traslado que o Portos de Galicia acaba de xustificar como unha manobra necesaria ante as elevadas demandas de atraque no porto pobrés.

    As 584 toneladas de túnidos almacenadas no ‘Sunny Jane’ serán trasladadas nos vindeiros días cara os contenedores frigoríficos doutra embarcación. Esta medida foi tomada con caráter de urxencia pola Comisión Europea depois de que o pasado xoves deixasen de funcionar os compresores da instalación frigorífica do mercante ruso. O Ministerio de Pesca propuxo ó organismo comunitario a posibilidade de trasladar a mercadoría coa fin de evitar calquera tipo de problema hixiénico ou medioambiental, xa que se a temperatura de conxelación segue a descender o peixe comezaría a podrecer. Unha vez traspasados os únidos, a carga será precintada e enviada a un porto situado fóra da Unión Europea, aínda que mentres non se tome unha decisión definitiva, a mercadoría permanecerá baixo vixilancia no interior da outra nave.

    O anuncio do traslado da carga do ‘Sunny Jane’ prodúcese en plena polémica polo cambio de ubicación do buque, que ata este luns permanecía atracado no porto da Pobra do Caramiñal. Ese día, e por decisión do ente público de Portos de Galicia, a embarcación trasladouse ó muelle de Ribeira, unha manobra que non foi ben acollida polo concello ribeirés. Agora Portos xustifica este cambio de ubicación aludindo á elevada demanda de atraque que estas semanas está a recibir o porto pobrés, mentres que no caso de Ribeira esta demanda é nula. De tódolos xeitos o ente asegura que, no caso de que o porto ribeirés rexistre peticións de atracada, el mesmo habilitará un novo atraque para que a cidade no perda nin un só buque por esta causa.

    Pero as desavenencias entre Portos de Galicia e algúns concellos barbanzás van máis aló do polémico traslado do ‘Sunny Jane’. A delegación comarcal do BNG acaba de manifestar o seu descontento coa medida tomada polo ente público de cobrar novas taxas ós hosteleiros de Ribeira e Rianxo que pretendan instalar as súas terrazas nas zonas calificadas como espazo portuario.

    Os nacionalistas barbanzás calificaron de oscurantista e prepotente a nova medida recaudatoria que Portos pretende poñer en marcha nos concellos de Ribeira e Rianxo. Trátase de incrementar as taxas que os hostaleiros xa pagan ós concellos pola instalación de terrazas en lugares catalogados como espazo portuario. Segundo os nacionalistas, ós que non convence o máis mínimo a decisión de Portos, esta iniciativa podería acarrexar importantes inconvintes para o sector hostaleiro da comarca do Barbanza. Neste sentido, e como xa manifestara en anteriores ocasións, o ex primeiro teniente de alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, considera que se trata dunha taxa abusiva e solicita a Portos que delegue nos concellos a competencia para administrar estas superficies como xa veñen facendo ata agora.

    Tanto Ruiz coma o BNG consideran que se trata dun conflicto de competencias institucional no que o ente público persegue un obxectivo moi claro.

    Na valoración realizada polos nacionalistas barbanzás advírtese tamén unha falta de precisión no contido da medida, xa que non se identifica a superficie total que pode ser ocupada polas terrazas e mercados nin se cuantificou o tempo que se poderá ocupar ese espazo. Unha imprecisión que xera inseguridade no sector hostaleiro.

    Redacción Barbanza