A Federación de Confrarías esixe un cambio na política pesqueira da Xunta

    mani_100_150906.jpgSANTIAGO > Representantes da maior parte das confrarías de pescadores de Galicia asistiron  en Santiago á concentración convocada pola Federación Galega diante da Consellería de Pesca. A intención non era outra que amosar o seu rexeitamento á política pesqueira que, ate o de agora, desenvolveu a administración galega á que cualifican de ‘inoperante, sectarea e discriminatoria.

    Un total de cincuenta e dúas confrarías quixeron sumarse a esta protesta multitudinaria qur tivo lugar diante das dependencias autonómicas en San Caetano. Berrando consignas como ‘Queremos traballar e non mendigar’, ‘Os mariñeiros en pé’ ou ‘Por un cambio de rumbo’ os manifestantes quixeron deixar constancia do descontento existente entre parte do sector ante a xestión levada a cabo pola reponsable autonómica de Pesca, Carme Gallego.

    Sen embargo non estaban todos. Varias confrarías, entre elas as do Grove, a Pobra do Caramiñal ou Cangas, desmarcáronse desta protesta por considerar que o actual goberno da Xunta non é culpable dos problemas do sector, que ó seu entender ven arrastrando dende vello. O presidente da Federación Galega de Confrarías, Evaristo Lareo, atribúe esta actitude ós vencellamentos políticos destas confrarías cos grupos que conforman o goberno da Xunta. Neste sentido, lembrou que hai anos, estas organización sí se manifestaban contra o goberno do PP e mesmo chegaron a esixir a dimisión do entón conselleiro, Javier López Veiga.

    Evaristo Lareo considera ademais que a mala xestión dos recursos pesqueiros non se pode atribuír á ‘inexperiencia’ do novo goberno da Xunta. Así mesmo, entende que unha persoa que asume un cargo público debe estar preparada para desempeñar as súas funcións.

    Outra das diferencias que enfronta á Consellería e parte do sector é a concesión de axudas públicas. O departamento autonómico cualifica de ‘desproporcionadas’ as subvencións solicitadas polos pósitos mentres dende a Federación galega lémbrase que existen uns convenios para o financiamento de certos servizos como a vixilancia e a asistencia técnica.mani_200_150906.jpg

    A pesar da evidente tensión existente entre ámbalas dúas partes, o presidente das confrarías a nivel galego declarou estar aberto a todo tipo de diálogo co ente autonómico no fin de conseguir unha serie de melloras para o sector.

    A Ría de Arousa estivo amplamente representada neste acto de protesta por membros dunha parte importante das súas confrarías. As reivindicacións dende os distintos pósitos son moitas e diversas aínda que todos coinciden nunha reclamación básica: a necesidade de ser escoitados e tomados en serio pola Xunta de Galicia.

     

    Desta opinión é o patrón maior da Confraría de Rianxo, Baltasar Rodríguez, que ademais de criticar a actitude pasiva do goberno autonómico lembrou que aínda están sen cobrar moitas axudas, incluidas as subvenciósn prometidas ós mariscadores por Carme Gallego durante a súa visita ó concello barbanzá o paso mes de maio.

    Dende a outra marxe da ría, as críticas son aínda máis duras chegándose a solicitar un cambio urxente na estrutura orgánica da Consellería. Benito González, patrón maior da Confraría de Cambados e vicepresidente da Federación Galega, acusa ó departamento dirixido por Carme Gallego de introduci-la ‘discriminación entre confrarías’ e ‘pechar portas ó diálogo’.

    Pola súa banda, o presidente da Confraría de Portonovo, José Antonio Gómez, insitiu na vontade de colaboración que debe existir entre as dúas partes así como da necesidade de financiación por parte da Xunta que debe asumir o gasto de certos servizos.

    Redacción Barbanza