![]()
BOIRO > A corporación municipal boiresa celebrou un pleno ordinario no que se procedeu, entre outras ordes do día, a dar conta das propostas de convenio entre o concello e as empresas Eroski e LyC. No transcurso da sesión plenaria, o edil independente e agora membro da oposición, Manuel Velo, protagonizou un enfrontamento co executivo local. Velo esixía expoñer o seu rexeitamento ós convenios a pesar de que a orde do día só contemplaba a dación de conta de ambos proxectos, cuestión pola que o alcalde boirés estivo a piques de expulsalo do salón de sesións da casa consistorial.
Intenso o pleno celebrado en Boiro. A sesión comezaba coa toma de posesión do concelleiro do grupo popular, Luis Blanco Fernández, pero poucos minutos despois iniciábase o enfrontamento entre o edil independente, Manuel Velo, e o executivo municipal. Os puntos cuarto e quinto da orde do día prevían a dación de conta ó pleno dos convenios entre o concello e as empresas ‘Erosmer Ibérica’ e ‘LyC’ para a construcción de sendos centros comerciais na localidade, propostas que a duras penas puideron sen expostas á corporación debido ás continuas interrupcións do recentemente cesado da comisión de goberno, Manuel Velo. O independente quería expoñer ante o pleno a súa negativa a ambos convenios saltándose a orde do día,que só establecía a dación de conta ó pleno dos acordos, unhas discrepancias que segundo comentou lle costaron o seu cargo no goberno.
Velo Velo informou ademais de que o convenio con Eroski non inclúe os informes xurídicos e a documentación precisa para a exposición pública do proxecto e asegurou que non vai permitir que o actual executivo se precipite e cometa os mesmos errores que o anterior goberno. 
Manuel Velo tamén tivo palabras para os integrantes do Partido Popular, grupo que ata o momento conformaba a única oposición ó goberno. O edil independente atacou ós populares de realizar unha oposición ‘feble’, algo que molestou ós populares que defenderon a seriedade do seu traballo sempre loitando para conseguir o mellor para os veciños de Boiro.
Manuel Velo explicou que a partir de agora e como un membro máis da oposición fará uso do seu dereito a expresa-las opinións e rexeitará todas aquelas propostas que vaian en detrimento dos cidadáns boireses.
Logo desta intensa disputa a corporación municipal procedeu con normalidade a tratar os demais puntos da orde do día, entre eles a aprobación inicial da modificación das ordenanzas urbanísticas municipais, un paso necesario para que os convenios con ‘Eroski’ e ‘LyC’ poidan materializarse.
Redacción Barbanza










