BARBANZA > O temporal desta fin de semana causou graves incidentes na comarca do Barbanza; se cabe o máis aparatoso viviuse en Boiro, onde un guindastre dunha obra en construción se precipitou contra unha vivenda no número tres da rúa Espadañal. Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais.
O guindastre atopábase nun solar anexo á vivenda no que se está a construir un edificio. A pesar da súa aparatosidade o accidente tan só provocou danos materiais xa que no momento do derrube non había ninguén no piso superior.
Sen dúbida este foi o principal inicidente que se rexistraba na comarca do Barbanza onde se constataron refachos de ata 120 quilómetros por hora.
Unha das zonas tamén máis afectadas neste concello foi a zona de Praia Xardín, onde o vento con gran virulencia tirou con varias árbores de gran tamaño. Outras zonas afectadas onde os membros de Protección Civil e o equipo de Bombeiros do Parque Comarcal tiveron que actuar foron Bealo ou Neixón.
Outra das zonas afectadas polo temporal foi o Centro de Saúde do Saltiño, onde o vento destrozou parte da cuberta do edificio, así como no colexio de Cespón, alí ardeu o transformador eléctrico a consecuencia da tormenta. Dende o concello xa se está a evalua-los danos ocasionados polo temporal.
Polo que respecta ó concello de Rianxo cómpre sinalar tamén que os bombeiros do Parque Comarcal e os membros de Protección Civil tiveron que traballar a reo na retirada de árbores e ramas caídas sobre as estradas como aconteceu na parroquia de Asados, en varios puntos como foron Burés na zona do alto da Paradegua e a Marquesa. Ademais tamén se produciu a caída de parte do teito do Centro de Saúde e houbo que rescatar a dous mariñeiros que caeron ó mar cando intentaban amarrar mellor o seu barco.
O temporal tamén se deixou notar nos municipios de Ribeira e a Pobra. O parque de bombeiros ribeirés recibiu numerosos avisos durante toda a fin de semana para alertar da caída de árbores, tellas ou diversos elementos do mobiliario urbano. Afortunadamente, soamente houbo que lamentar danos materiais.
No núcleo de Santa Clara, as fortes rachas de vento desprenderon a parte traseira dunha vivenda e mailo tellado causando ademais danos a outras casas. No momento do suceso, que tivo lugar preto das tres da tarde, atopábanse tres persoas no interior da vivenda que afortunadamente non sufriron ningún dano.
A tormenta tamén tivo consecuencias negativas sobre as redes de tendido eléctrico que se traduciron en frecuentes cortes do subministro. Así mesmo, rexistrouse un incendio nunha nave do polígono industrial de Xarás na que arderon unha grúa e un vehículo. Grazas á rápida intervención dos bombeiros, o incidente non foi a máis.
Tralo intenso traballo da fin de semana, o parque de bombeiros de Ribeira continúa en alerta ante os posibles incidentes aínda que agardan unha notable diminución da actividade ante as optimistas previsións meteorolóxicas.
Redacción Barbanza