O BNG pobrés denuncia irregularidades na concesión de subvencións municipais

    POBRA > O BNG insta ó executivo a deixar sen efecto a convocatoria de subvencións para actividades deportivas, educativas e de carácter social.

    Os nacionalistas pobreses consideran que a convocatoria, como xa acontecera en anos pasados, se realizou de xeito ilegal e obviando totalmente os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que deben rexer en toda disposición de fondos públicos.

    Dase ademais, segundo o BNG pobrés, un agravante xa que na convocatoria do pasado ano 2005, o secretario municipal xa advertía nun informe solicitado polos nacionalistas que debía elaborarse ou ben unha ordenanza xeral onde se contemplen as bases para o outorgamento de todo tipo de subvencións, complementada cunha ordenanza específica para cada subvención, ou ben elaborar unhas bases de execución do presuposto para este ano 2006 e posteriores exercicios, cunha ordenación pormenorizada en canto á concesión de subvencións, a cal sería complementada posteriormente coa ordenanza específica.

    Vendo a situación Rosana Pérez sinala que o actual alcalde e o seu grupo de goberno, de novo fan oídos xordos á legalidade vixente e a ordenanza xeral e a específica seguen sen elaborarse.

    Unha vez máis, segundo ela o PP convoca unhas bases que non están amparadas por ningún acordo plenario. Deste xeito, permítese aprobar unilateralmente unha serie de puntos nesas bases que, levados ó pleno poderían ser debatidos polos grupos da oposición, entre outras razóns pola súa convocatoria extemporánea ou que o orzamento para esta convocatoria non se incrementa nin un euro en relación a de anos anteriores: 3.005 euros para actividades educativas, 24.791 euros para actividades deportivas e 3.000 para as de carácter social.

    Segundo a voceira nacionalista queda claro que con esta convocatoria o executivo local fai gala unha vez máis dunha sistemática falla de respecto pola lexislación vixente. Por esta razón avoga porque os cartos públicos se repartan en consonancia ós principios que establece a Lei como son os de publicidade, concorrencia e obxectividade.

    Redacción Barbanza