Concello, veciños e a ABE acordarán medidas para evita-las molestias da movida

    BOIRO > A polémica sobre o malestar que causa entre os veciños de Boiro a ‘movida’ das fins de semana acaba de reabrirse no concello. O executivo local comprometeuse a manter unha serie de encontros para tratar de conciliar a actividade dos hostaleiros coas reivindicacións dos residentes. A primeira reunión celebrarase o vindeiro venres e congregará á plataforma de veciños ‘Convivencia’ e membros da Asociación Boirense de Empresarios.

    O debate sobre as molestias causadas cada fin de semana pola movida nocturna acaba de reabrirse no concello de Boiro. O motivo foi unha moción de urxencia presentada o pasado xoves pola agrupación local do PP na que solicitaba ante o pleno a elaboración dunha ordenanza municipal sobre a protección contra a contaminación acústica.

    Omovida_300_180906.jpg voceiro dos populares, Juan José Dieste, xustificou esta petición nas innumerables queixas que, segundo el, lle teñen manifestado os veciños da zona afectada. En resposta a esta demanda, o executivo boirés asegurou que xa están traballando no tema, e como mostra, o edil de urbanismo, Xoán León, amosou unha copia do regulamento que están redactando e que presentará en breve ós demais grupos políticos e á platafoma ‘Convivencia’, que reúne ós veciños afectados.

    Outra das acusacións feitas polos populares ó executivo local é a pasividade á hora de controlar que tódolos locais cumpran coas condicións de insonorización, así como a concesión indiscriminada de licencias de apertura para novos establecementos. Desde o goberno aseguran que se está esixindo o cumprimento da lei.

    A pesar destas diferencias, tódolos grupos políticos con representación no pleno acordaron a necesidade de tomar novas medidas, unha actitude aplaudida pola plataforma ‘Convivencia’, que se reunirá o vindeiro venres con membro da Asociación Boirense de Empresarios e o edil Xoán León.

    Redacción Barbanza