RIBEIRA> O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, presidiu o acto de inauguración da comisaría de Ribeira. A nova sede da Policía Nacional supuxo un investimento de tres millóns de euros, enmarcados no Plan estatal de Infraestruturas para Policía nacional e Garda civil dotado con 600 millóns de euros.
Aínda que xa está en funcionamento dende hai varias semanas, este mediodía tivo lugar a inauguración oficial da nova comisaría de Ribeira. O acto, presidido polo Ministro de Interior, contou coa asistencia de numerosas autoridades a nivel comarcal e autonómico así como destacados mandos dos corpos e forzas de seguridade do estado.
O acto comezou co pase de revista dos axentes que conforman a plantilla da comisaría ribeirense tralo que chegou a quenda de intervencións. O primeiro en tomar a palabra foi o alcalde, Manuel Ruíz, quen lembrou o longo periplo ata chegar á consecución desta nova sede agradecendo o labor todos os que o fixeron posible
O rexedor local incidiu tamén na necesidade de seguir a incrementar o número de axentes para reforzar a seguridade cidadá. O ministro recolleu as peticións do alcalde indicando que nos últimos 4 ano as plantillas da policía nacional en Galicia téñense incrementado nun 10 por cento.
Destacou ademais o importante esforzo inversor do Ministerio esta comisaría con tres millóns de euros que se suma a outros proxectos previstos en Galicia, entre eles o novo cuartel da Garda Civl, de Cambados.
Durante a súa intervención, Grande-Marlaska tivo unhas palabras de lembranza para o recentemente falecido ex director xeral da Policía Nacional en Galicia, José Manuel Balseiro, cuxa viúva recolleu unha placa de honra en sinal de homenaxe póstuma polo seu gran labor. Tralos discursos, realizouse unha ofrenda floral ante o monumento ós policías falecidos en acto de servizo e o ministro procedeu ó descubrimento da placa da nova sede policial. O acto concluíu coa visita ó interior das instalacións.