O BNG de Ribeira pide a convocatoria urxente da comisión de seguimento da covid

RIBEIRA> O BNG de Ribeira presentou unha solicitude no concello esixindo a convocatoria urxente da comisión municipal de seguimento da covid. Demandan tamén á Xunta de Galicia que se incrementen as PCR e os rastrexadores así como un reforzo do persoal sanitario.

Ante a escalada de casos activos de covid, que alcanzan xa os 155, o BNG de Ribeira considera urxente que o goberno municipal dea información sobre a situación actual e a evolución dos contaxios no concello. Demandan a convocatoria urxente da comisión de seguimento do covid para a adopción de medidas que contribúan a frear o ritmo de contaxios.

Ademais desta solicitude que redundaría nunha maior transparencia e información á cidadanía dende o BNG piden ó goberno que inste á Xunta de Galicia a  aumentar o número de rastrexadores e realizar un cribado masivo.

Por outra banda, como xa levan demandando dende hai tempo, consideran necesario un reforzo do persoal sanitario tanto en atención primaria como no hospital do Barbanza, especialmente durante a campaña de vacinación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí