Arousa Norte contará cunha cadea de complexos hostaleiros nos seus concellos

    BARBANZA > O Plan de Dinamización Turística de Arousa Norte convertirase nun consorcio supramunicipal de Turismo. Este é un dos acordos ó que chegaron os representantes da Mancomunidade Arousa Norte na reunión mantida co Director Xeral de Turismo, Rubén Lois. Concellos mancomunados, Xunta, Deputación Provincial da Coruña e entidades privadas traballarán conxuntamente para construir unha cadea de complexos hostaleiros nos municipios de Arousa Norte.

    Os concellos de Boiro, Ribeira, A Pobra e Rianxo contarán no futuro con novas instalacións hostaleiras de catro estrelas. Este é un dos obxectivos máis inmediatos que a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte acordou xa coa Dirección Xeral de Turismo encabezada por Rubén Lois, quen se achegou ata Boiro para perfilar este e outros proxectos que a entidade pretende realizar en breve. A edificación dos complexos hostaleiros trátase polo de agora dun proxecto que aínda se está estudiando, pero que responde a unha necesidade turística vital para os municipios mancomunados.

    Director e presidente da Mancomunidade visitaron na Pobra os terreos nos que previsiblemente se edificará un deses complexos hoteleiros. Xa se iniciaron as conversas con empresas privadas e o plan contará coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña. Outro dos compromisos adquiridos no verán e que xa está en trámite é a execución dunha serie de obras de remodelación e mellora de infraestructuras que beneficiarán ós catro concellos.

    Os representantes das entidades reunidas trataron tamén a necesidade de intervir urxentemente nas zonas afectadas polo lume para proceder á recuperación dos sendeiros e restablecer as rotas turísticas contempladas nos concellos de Arousa Norte.

    Redacción Barbanza