O PSOE denuncia unha presunta irregularidade administrativa que afecta a Tourís

    VILANOVA > O PSOE de Vilanova ten sospeitas de que a Deputación de Pontevedra emitiu certos diplomas de asistencia a cursos organizados polo organismo provincial a persoas que en realidade nin asistiron nin os fixeron. No vindeiro pleno da Deputación preguntarán sobre esta presunta irregularidade na que estaría implicada a muller do concelleiro vilanovés Javier.

    A nome de Yolanda Pérez Otero foron expedidos varios certificados que corroborarían a asistencia da que é a muller do edil popular en Vilanova, Javier Tourís, a certos cursos organizados pola Deputación de Pontevedra. O partido socialista vilanovés ven de presentar unha moción que se debaterá no vindeiro pleno do organismo provincial na que se pide que se fagan as comprobacións oportunas tras descubrir que nas listas oficiais dos cursos, supostamente realizados pola muller do concelleiro, non aparece o seu nome.

    Os socialistas barallan dúas opcións : ou que se trate dun erro ou, o que sería máis grave: unha falsificación de documento público por parte de alguén. Os anexos presentados polo PSOE coa moción son tres certificados de asistencia a tres cursos sobre leis administrativas, informática e Internet e mailas listas que corroboran a ausencia da titular nos cursos.

    Datan dos anos 99 e 2001, período no que a Deputación pontevedresa estaba presidida por Manuel Abeledo, e están cuñados oficialmente tanto pola entidade provincial como polo propio concello de Vilanova. O PSOE pide explicacións e medidas por un feito que considera moi grave máis aínda cando a titular dos certificados, aseguran, concorreu a unha praza pública presentando estes documentos.

    Redacción Salnés