Centos de persoas maniféstanse en Ribeira en contra do maltrato animal

    maniribeira_100_250906.jpgRIBEIRA > Centos de persoas déronse cita en Ribeira para protestar contra o maltrato animal. A manifestación, convocada pola Federación de Protectoras de Galicia, foi secundada por diversas asociacións ecoloxistas que reclaman un cambio na lexislación vixente. Ó remate da marcha, procedeuse á lectura dun manifesto en defensa dos animais e de todas aquelas persoas que se atreven a denunciar os casos de maltrato.

    Ó grito de consignas como ‘Nunca máis o maltrato ós animais’ ou ‘A tortura non é arte nin cultura’ centos de manifestantes percorreron as rúas do casco urbán ribeirés portando pancartas de condena ós actos de violencia contra os seres vivos.

    Á marcha, convocada pola Unión de Protectoras de Animais Federadas de Galicia uníronse representantes de asociacións de toda a comunidade autónoma e mesmo delegacións procedentes de Ponferrada, León e Madrid.

    O obxectivo desta concentración, ademais de amosa-lo rexeitamento a calquera tipo de maltrato animal, era reivindicar un cambio na lexislación que contemple o principio de inhabilitación para os agresores condenados así como a validez das denuncias anónimas.maniribeira_200_250906.jpg

    Durante a lectura do manifesto, os representantes do comité local de Ribeira fixeron referencia ó recente caso de maltrato en Aguiño que tanta polémica ten suscitado. A este respecto, quixeron expresar o seu apoio ó veterinario que denunciou os feitos e manifestar ademais que, a pesar do acontecido na parroquia ribeiresa, o pobo galego non defende ós maltratadores. O voceiro do comité procedeu á lectura dun poema no que destacaba as virtudes de Aguiño reclamando que non se xulgue a todo un pobo pola actitude duns poucos.

    Paralelamente a este acto, celebrouse en Madrid outra concentración convocada pola Protectora ‘El refugio’ á que asistiron miles de persoas. Tanto na capital española coma en Ribeira, os manifestantes tiñan claros os seus motivos para saír á rúa en defensa dos animais. Así, lembraron a necesidade de denunciar estes tipo de casos que, desgraciadamente non constitúen un feito aillado, senón que son unha constante na nosa sociedade.

    Redacción Barbanza