Veciños e hostaleiros de Boiro achegan posturas en relación á movida

    xuntanzaabe_100_250906.jpgBOIRO > Os membros da Plataforma Cidadá Convivencia e representantes da Asociación Boiresa de Empresarios mantiveron unha xuntanza co fin de establecer unha vía de diálogo entre dúas das partes afectadas directamente polas molestias da movida nocturna, por unha banda hostaleiros e pola outra veciñanza. A súa intención non era outra que analizar o novo regulamento municipal que pretende aproba-lo executivo para a movida.

    O encontro resultou do máis satisfactorio e lonxe de presentar posturas claramente enfrontadas, tanto os representantes da hostalería de Boiro como da Plataforma Cidadá Convivencia coincidiron á hora de tratar de buscarlle unha solución ós graves problemas que ocasiona a movida nas noites da fin de semana no municipio. Os membros dos dous colectivos consideran necesario que sexa o propio concello o que se ocupe de impedir que se produzan altercados na rúa. Outra das posturas coincidentes garda relación coa necesidade de que os propios establecementos cumpran as normativas de ruídos e peche, así como que axusten a súa actividade ó tipo de licenza que teñan concedida.

    Durante a xuntanza tamén se analizou a decisión do executivo boirés de obrigar ós locais de ocio a instalar sonógrafos. Para os hostaleiros esta medida non vai resultar de todo satisfactoria, poñendo como exemplo a situación vivida noutras zonas de Galicia, na que este tipo de aplicación non resultou efectiva.xuntanzaabe_200_250906.jpg

    Outro dos temas analizados ó longo da xuntanza foi a pretensión do goberno local de instalar cámaras de vixilancia nas rúas da localidade, unha decisión apoiada dende as dúas partes, ó considerala como unha ferramenta útil para que as forzas da orde interveñan naqueles puntos nos que se estean producindo incidentes.

    Un dos puntos máis conflictivos e no que deberán limarse as asperezas entre as dúas partes é o relativo á limitación da apertura de negocios para evitar que se concentren nunha zona determinada. Os hostaleiros consideran inxusto o feito de que o executivo lle impida a un empresario a posibilidade de abrir unha idea de negocio onde este queira, sempre e  cando o local cumpra coas normas establecidas. No lado contrario os veciños discrepan deste punto, sinalando que cantos máis locais existan nunha zona máis xente se concentrará, o que provocará que se poidan producir máis incidentes e altercados.

    Dende a Plataforma Cidadá Convivencia vén de solicitarse tamén ó concello a cración dun órgano de mediación, que de voz ós veciños e onde se traten os seus problemas dende un punto de vista humano, e que dun xeito eficiente e efectivo se aporten solucións que permitan a normalización da situación.

    A intención do executivo boirés non é outra que crear unha nova normativa coa que non só se poñan freo ós excesos da movida nocturna das fins de semana, senón que se regulen tamén as obras, os vehículos de tracción mecánica e a todas aquelas actividades que poidan considerarse como molestas.

    Aínda así boa parte da ordenanza estará dedicada ós locais de ocio e espectáculos, e nela figurarán cuestións como que os titulares dos establecementos sexan os encargados de velar para que os ususarios non provoquen molestias ó entrar e saír do local, debendo actuar ademais se constatan que se están a consumir bebidas fóra do seu negocio.

    O borrador que está a elabora-lo executivo parte das normativas que están en vigor noutros concellos de Galicia, como é o caso da obrigatoriedade de instalar rexistradores de son que  permitan asegurar de xeito permanente que baixo ninguna circunstancia as emisións do equipo musical superan os niveis permitidos. Unha das cuestións que se atenderá no novo regulamento será a posibilidade de que o goberno local declare determinados puntos do casco urbano como zonas saturadas acústicamente.

    Para garanti-lo cumprimento destas medidas, o executivo boirés prevé impor multas económicas importantes, que van dende os 60 ós 6.000 euros, así como sancións que poden paraliza-la actividade de xeito temporal dun local ou mesmo clasuralo definitivamente.

    Redacción Barbanza