Portos cede ó Concello a parcela a carón do auditorio que será empregada como aparcamento

RIANXO> O executivo rianxeiro logra a cesión por parte de Portos da parcela portuaria anexa ó auditorio municipal para convertela en aparcamento público.

A cesión do terreo, duns seis mil metros cadrados de superficie, será efectiva unha vez asinado o convenio de colaboración entre as dúas partes, polo que o ente público autonómico porá a disposición da Administración Local a parcela sen cobro de taxas, mentres que o Concello asumirá as obras de pavimentación e o mantemento do espazo.

O rexedor, Julián Bustelo, agradeceu o xesto da Consellería, que permitirá formalizar un acordo histórico polo que o Concello levaba agardando dende hai anos.

Durante a visita realizada a Rianxo, a conselleira Marta Villaverde tamén informou dos avances na tramitación do proxecto de mellora da operatividade do peirao, que prevé a dotación de prazas de amarre para os preto de 300 usuarios actuais desta instalación.