A familia de María José Arcos pide que se declare oficialmente falecida

RIBEIRA> Dúas décadas despois da súa desaparición, a familia de María José Arcos solicita a declaración do seu falecemento. A morte da nai, titora legal da desaparecida, obrigou ós irmáns a tomar esta decisión.

María José Arcos desapareceu o 15 de agosto de 1996 sen deixar rastro. Tan só se localizou o seu vehículo no que non se puideron achar pistas sobre o seu paradoiro.

Ó longo destes vinte e dous anos, a familia non deixou nunca de buscala e mesmo logrou que se reabrira o caso en 2011 coa detención de Ramiro Villaverde.  Sen embargo a falta de probas concluíntes rematou coa posta en liberdade do detido e o arquivo da causa.

Agora, tras máis de dúas décadas de loita os irmáns de María José víronse obrigados a solicitar que se declare oficialmente falecida. A decisión veu motivada pola recente morte da súa nai que era a titora legal da muller, o que supoñía iniciar un novo proceso administrativo e xudicial non exento de numerosas trabas burocráticas.

Unha vez solicitada a declaración do falecemento, tan só falta que o xuíz e a fiscalía o autoricen. O proceso pode durar ó redor de dous meses.