Ingresa en prisión o último detido polo secuestro de Román Santiago

    CAMBADOS > O último detido, por agora, en relación co secuestro de Román Santiago Allo, foi ingresado na tarde do mércores na prisión da Lama, logo de prestar declaración no xulgado de instrucción número 3 de Cambados. Antonio Manuel Rivas Gey, do clan dos Fanchos e irmán de Rafael, tamén en prisión, é o dono do vehículo supostamente empregado nos traslados durante o secuestro e tamén do ático onde terían retido ó empresario da Illa.

    detidosecuestroexpres_300_270906.jpg

    Antonio Manuel Rivas Gey, detido o martes en Sevilla, sería o propietario do piso e do Nissan Patrol vermello utilizados no secuestro do empresario da Illa de Arousa Román Santiago. Ó parecer íase hospedar nun hotel de Sevilla cando foi localizado pola Policía Nacional, tras ser requirido pola Garda Civil de Pontevedra. Rivas Gey, de 28 anos, é membro do clan pobrés dos Fanchos e irmán de Rafael Rivas, xa detido pola súa presunta relación co secuestro do xerente de Cholamar, e que permanece no cárcere provincial da Lama, ó igual que Manuel Oubiña Otero, veciño da Illa de Arousa. A outra persoa detida en relación co secuestro foi a muller de Rafael, que foi posta en liberdade con cargos tras prestar declaración o venres no xulgado de Cambados.

    A de Antonio Manuel Rivas non será a última detención, xa que a investigación do caso eleva a nove o número de persoas implicadas que terían participado na retención de Román Santiago. O xerente de Cholamar e ex edil popular da Illa mantén que se trata dun secuestro expres para sacarlle diñeiro, aínda que desde a Garda Civil pensan que se trata dun axuste de contas relacionado co narcotráfico.

    Redacción Salnés