NOIA> Bota a andar o obradoiro de emprego conxunto entre Noia e Lousame. 20 alumnos destes dous concellos recibirán formación remunerada nos módulos de conservación de montes e xestión forestal durante 12 meses.
O delegado territorial da Xunta na Coruña asistía a apertura do obradoiro de emprego conxunto entre Noia e Lousame. Os dous concellos volven apostar polo desenvolvemento en común desta acción formativa que beneficiará a 20 alumnos e que nos últimos anos acadou altos niveis de inserción laboral.
Ademais do importante esforzo inversor que realiza a Xunta, en concreto inviste neste obradoiro máis de medio millón de euros, o delegado destacou a colaboración dos concellos na súa xestión sen a cal non sería posible a súa posta en marcha.
Os alumnos recibirán formación teórica e práctica nos módulos de silvicultura e xestión forestal. Durante os doce meses de duración disporán dun contrato remunerado e ó seu remate obterán o certificado de profesionalidade válido en toda España.











