![]()
VILAGARCÍA > O tema da auga en Vilagarcía terá que agardar ata o vindeiro pleno para ser debatido pola corporación municipal.
O grupo Popular terá que agardar ata o mes de outubro para tratar o tema da calidade da auga no municipio vilagarcián. O PP solicitou unha moción de urxencia para falar do asunto na que pedía responsabilidades, información e na que demandaba a aplicación de bonificacións no recibo dos afectados ata que se normalicen os niveis de calidade.
PSOE, Esquerada Unida e BNG votaron en contra da urxencia do tema dando paso ó asunto que máis crispación desatou e que foi o da vaga de incendios. Os grupos de esquerdas volveron facer fronte contra os populares que insistían en culpar ó bipartito do acontecido no mes de agosto na nosa comunidade por ter feito unha mala xestión.
A xulgar polos nacionalistas tratouse todo dunha trama organizada na que moito tivo que ver a situación creada por 16 anos de goberno popular no que se fixo do monte un polvorín e aludiu, por comparación, á xestión que no seu día fixo o PP da catástrofe do Prestige. O alcalde de Vilagarcía recoñeceu as graves consecuencias dos lumes sen deixar de lembrar que non é un problema novo. Os tres grupos de esquerdas coincidiron en censurar o oportunismo do PP, ó que acusaron de sacarlle rendemento político á traxedia.
Redacción Salnés








