Aparece un cadáver sen identificar flotando no porto de Aguiño

    RIBEIRA > Os veciños da parroquia de Aguiño, en Ribeira, continúan aínda conmocionados polo tráxico suceso acontecido esta fin de semana. Un cadáver foi atopado flotando nas inmediacións do porto sen que, ata o momento, se procedese á súa identidicación.

    portoaguio_200_021006.jpgA vítima non levaba consigo ningunha documentación e nos arquivos policiais non consta denuncia algunha da súa desparición. Este extrano suceso levantou unha enorme expectación entre os veciños de Aguiño que aínda a día de hoxe non coñecen a identidade do home que apareceu morto no porto da localidade. Os feitos aconteceron o pasado sábado arredor das nove e media da mañá cando varios traballadores do asteleiro avistaron un corpo flotando.

    Unha vez avisado o servizo de emerxencias, varios efectivos se desprazaron ata a zona e procederon a recupera-lo cadáver. Tratábase dun home de mediana idade, cunha ferida na frente, vestido con roupa de calle e calzado polo que se descartou inmediatamente a posibilidade de que se tratara dun mariñeiro. Así mesmo, é imposible que a morte se producira no medio da ría e o cadáver fose arrastrado ata a costa posto que as correntes provocarían o desprendemento dos zapatos.

    Ningunha das testemuñas presenciais logrou identificar o corpo polo que descartan que se trata dun veciño de Aguiño ou das inmediacións. A hipótese máis extendida entre as xentes de lugar é que o cadáver foi trasladado ata o porto e arroxado ó mar dende alí.

    Polo momento, haberá que agardar a que conclúan as investigacións que está a levar a cabo o corpo da Policía Nacional para coñece-la identidade do falecido e esclarece-las circunstancias que rodearon a súa enigmática morte.

    Redacción Barbanza