CAMBADOS > Vicepresidencia da Xunta de Galicia abriu expediente informativo para aclarar o posible gasto irregular de cartos públicos nun módulo ilegal da escola infantil municipal de Cambados.
Na última inspección, detectouse o funcionamento dun módulo non autorizado para nenos de 2 a 3 anos. No caso de demostrarse, o alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, terá que responder dos fondos públicos percibidos para un servicio ilegal.
Ó concello de Cambados quédanlle sete días para regularizar as deficiencias detectadas na escola infantil municipal pola Secretaría Xeral da Vicepresidencia a través do seu Servizo de Inspección. Este centro ten autorizados catro módulos escolares dende a súa apertura no ano 2003 e dende o primeiro día funciona con cinco unidades escolares.
Segundo Antón Losada, secretario xeral, o concello de Cambados tivo 3 anos para amañar esta situación irregular e non o fixo, baixo o consentimento do anterior equipo da Xunta de Galicia. A construcción da escola infantil de Cambados foi subvencionada pola Xunta de Galicia e prevista para contar con 5 módulos, pero o concello só pediu permiso para 4, cando realmente está a operar con 5 dende o primeiro día.
A Xunta remitiralles ós pais e nais dos nenos de 2 a 3 anos información sobre a situación desta escola infantil e recoméndalles que non leven ós pequenos ó centro ata que se subsanen as deficiencias. A Xunta de Galicia evade calquera responsabilidade en canto á seguridade dos nenos, porque non está en condicións de garantila ó ser un servizo ilegal.
A administración autonómica non ten coñecemento do número de alumnos do módulo, as condicións nas que se atopan ou quen é a persoa responsable. Ademais da unidade escolar sen autorizar, a subdirección de Inspección de centros atopou outras deficiencias, como a falla de detectores de fume en varias salas do centro, elementos de calefacción sen protexer e aristas sen protección en varias salas, así como determinada documentación sen acreditar.
No expediente informativo aberto, Vicepresidencia da Xunta tentará ademais esclarecer como é posible que a Xunta de Galicia subvencionada en 2003 con máis de 420.000 euros a construcción dunha escola infantil con cinco módulos e ninguén lle pedise ó alcalde explicación por pedir autorización só para 4 módulos. Sempre que Vicepresidencia concedeu algunha axuda á escola fíxose a través da documentación que acreditaba só o funcionamento de 4 módulos. Segundo a administración autonómica, este centro nunca recibiu un só euro público para o módulo non autorizado, polo que se o concello de Cambados destinou fondos públicos a un servizo que non cumpre cos requisitos legais, o alcalde, José Manuel Cores Tourís, deberá responder.
Segundo a Xunta de Galicia, o alcalde cambadés asinou varios documentos oficiais dirixidos ó goberno autonómico que proban que dende 2003 sabía que a escola infantil só ten 4 aulas autorizadas a pesares de ter abertas cinco.
O alcalde de Cambados arremete duramente contra Vicepresidencia, unha Consellería da que afirma foi creada con fins propagandísticos, e acusa ó secretario xeral, Antón Losada, de actuar de forma sectaria e partidista. Cores Tourís di que Cambados non ten culpa dos erros administrativos que puideran producirse na Xunta e que esta vinganza política pasará factura nas furnas nas próximas municipais.
Redacción Salnés