RIBEIRA > A Asociación de Carniceiros do Barbanza considera insuficiente a reforma do actual matadoiro ribeirés para garanti-la seguridade e a calidade no sector. Os profesionais avogan pola creación dun novo recinto, con modernos equipamentos e maior capacidade de sacrificio da que ofrecen as actuais instalacións.
Varios representantes da Asociación de Carniceiros do Barbanza reuníronse coa Conselleira de Sanidade para presentarlle a proposta de creación dun novo matadoiro. María José Rubio amosou un grande interese polo proxecto xa que presenta unha maior rendibilidade que a reforma das actuais instalacións. O novo recinto aumentaría a capacidade de sacrificio con respecto ó actual, polo que daría servizo a tódolos municipios de Arousa Norte así como a concellos colindantes coma Noia e Porto do Son.
Polo momento, aínda non está decidido o seu emprazamento pero barállase a posibilidade de ocupar uns terreos situados no polígono industrial de Xarás.
A directiva da Asociación de Carniceiros, presidida por Manuel Arnoso, ten previsto iniciar nas próximas semanas as xestións necesarias para a construción do novo recinto. Neste sentido, os alcaldes da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte amosaron o seu compromiso co proxecto. Polo momento, xa teñen prevista unha reunión coa Conselleira de Sanidade ó longo desta semana para solicitar a autorización do seu departamento. A continuación, os alcaldes barbanzáns iniciarán as xestións coa Consellería de Medio Rural e a Deputación da Coruña co obxectivo de consegui-los fondos para o financiamento do proxecto.
Redacción Barbanza