O BNG analizará as carencias educativas de Rianxo na mesa polo ensino

    RIANXO >BNG de Rianxo ten previsto convocar novamente a mesa polo ensino para analizar as carencias que presentan na actualidade os centros do municipio.

    O BNG de Rianxo vén solicitando dende o pasado ano diante da Consellería de Educación a implantación de ciclos formativos diversos que contribúan a enriquecer a oferta educativa atraendo alumnado de toda a comarca. Nos últimos anos impartiuse no Instituto Félix Muriel un ciclo relacionado coa área de comercio que non contaba coa demanda suficiente entre a mocidade polo que este ano foi eliminado sen que se implantase outra oferta no seu lugar.

    Ademais da carencia deste tipo de ensinanza, os nacionalistas denuncian o atraso do concello rianxeiro no ámbito dos programas de garantía social, dos que só existe unha proposta no Instituto Félix Muriel. Estes programas teñen por finalidade a recuperación dos alumnos que non lograron os obxectivos do ensino obrigatorio, proporcionándolle unha formación profesional que permita a incorporación ó mercado laboral ou a continuación de estudos na FP específca de grao medio. Dado que están abertos á participación doutras administracións e poden cursarse en centros públicos, concertados ou privados, o BNG considera que o concello debería implicarse para promover unha oferta máis ampla e variada.

    Ante esta realidade, o grupo nacionalista ten previsto convocar a mesa polo ensino a mediados deste mes posto que na actualidade aínda non existe un consello municipal de educación. Nesta mesa, ademais da necesidade de amplia-la oferta formativa, debateranse outras problemáticas xerais como as obras realizadas durante o verán nos centros públicos ou as axudas ó transporte para o alumnado.

    Redacción Barbanza