Morre un matrimonio sonense nun accidente de tráfico

    PORTO DO SON> O suceso tiña lugar ó redor das seis da tarde na estrada AC-550, no cruce existente a carón da igrexa parroquial.

    Consternación no Son polo falecemento dun matrimonioda localidade, María Manuela Ventoso Fernández, de 71 anos, e Manuel Martínez Martínez, de 89. O suceso producíase ó redor das seis da tarde na estrada AC-550, no cruce existente a carón da igrexa parroquial. Un camión de reparto de bombonas de butano, que circulaba en dirección a Noia, colidiu contra o vehículo no que viaxaba o matrimonio, que trataba de incorporarse á vía principal dende un ramal existente. O condutor do camión intentou, sen éxito, esquivar ó vehículo, e na manobra, acabou chocando tamén contra outro turismo que circulaba polo carril contrario. Xunto ó matrimonio falecido viaxaba tamén a súa neta, de dezasete anos, que resultou ferida de gravidade nun brazo, polo que tivo que ser trasladada a un centro hospitalario, aínda que a súa vida non corre perigo. Os outros ocupantes dos vehículos implicados na colisión, tanto o do camión coma o do outro turismo, non precisaron asistencia médica. Ata o lugar do suceso trasladáronse numerosos efectivos de emerxencias, entre eles do Parque Comarcal de Bombeiros, Protección Civil e Policía Local do Son, así como tamén Garda Civil de Tráfico e varias ambulancias do 061.