A nova lonxa de Ribeira abría esta mañá as súas portas

    RIBEIRA>s. Durante toda a xornada viviuse unha actividade frenética. A primeira subhasta, a do marisco, realizouse ás tres da tarde, mentres que a poxa do resto de capturas tivo lugar ás seis. A nova lonxa de Ribeira facía hoxe a súa posta de longo oficial coa apertura das instalacións. Foi un día de actividade frenética. Moitas das vendedurías que dende hoxe xa operan nas novas instalacións, realizaban esta mañá o traslado das súas pertenzas á súa nova ubicación. Traballo arreo tamén para os traballadores da empresa que a partir de agora levará a xestión da nova rula, e que substituirá ó Concello nese labor, así como tamén para os compradores, na súa maioría satisfeitos co cambio ás novas instalacións. A última hora da mañá foron chegando a maioría dos barcos, primeiro as embarcacións menores, que traballan no marisqueo, e posteriormente artes menores, arrastre e cerco. En cifras destacar os 30 mil quilos de lirio descargados, sendo a especie máis abundante. Seguida do xurelo e a xarda, que sumaron entre as dúas especies uns 29 mil quilos. O polbo foi a cuarta especie en canto a volume de descargas, cun prezo que rondou entre os tres euros e medio o máis barato e os 11´20 o máis caro. En canto ó marisqueo, na rula subhastáronse 321 quilos de ameixa rubia a un prezo medio de 8’18, 227 quilos de xapónica a 7’97 e 616 de navalla, que se pagaron a unha media de 6’86. Despois de máis de 25 anos de actividade, a vella lonxa pechou as súas portas definitivamente. Fíxoo despois dun ano no que se acadaron cifras históricas, con case 32 millóns de quilos de pescado e unha facturación de récord, que superou os 43 millóns de euros. queda pendente a partir de agora a que se destinarán esas vellas instalacións. Aínda que todo apunta a que poderían albergar a nova nave dos redeiros.