POBRA > As intensas chuvias e os pasados incendios están a provocar xa os primeiros danos colaterais.
Uns 130 mariscadores a pé da Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal distribuídos en varias quendas levan a cabo estes días a limpeza dos areais ateigados de follas, terra e cinza procedentes dos montes da zona e que resultaron arrasados durante os incendios forestais deste pasado verán.
As trombas de auga e as escorrentías están a provocar que esa capa máis superficial da terra vaia parar ás praias.
Unha das zonas que está a resultar máis afectadas é a praia dos Raposiños onde os mariscadores se afanaban na retirada dos restos procedentes do monte queimado.
Coas propias mans, ou axudados con rastrillos e diversos vehículos facilitados polo propio pósito ou polo concello, que tamén está a colaborar nos labores de limpeza dos areais, levan a cabo este laborioso traballo.
Para o patrón maior da Pobra, Manuel Maneiro, polo de agora aínda é cedo para facer un balance dos danos que este problema pode causar no marisco.
Redacción Barbanza