O BNG interésase polos problemas da confraría da Pobra

POBRA> Os nacionalistas mantiveron unha xuntanza con representantes da confraría de pescadores da localidade co fin de recoller as súas principais demandas. No encontro tamén tomou parte a deputada, Rosana Pérez, que se comprometeu a levar as reivindicacións do pósito pobrense á cámara autonómica.

A reunión tiña como finalidade principal recoller tódalas demandas da Confraría, ó que a chegada da crise do coronavirus está a afectar tamén en gran medida. Dende o pósito pobrense trasladáronlle a necesidade de instar á Xunta a habilitar axudas para os mariscadores, e tamén para o propia entidade, pola merma de ingresos que están a padecer a consecuencia da pandemia. Un problema común para tódalas confrarías.

Na xuntanza abordouse tamén unha reivindicación histórica do pósito, como é a necesidade de reaperturar uns canais no peirao comercial.

A deputada nacionalista, que será a voceira da formación para temas de pesca e marisqueo, ten intención de levar todos estes asuntos ó Parlamento Autonómico a través de iniciativas parlamentarias para tratar, na medida do posible, de darlle solución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí