Vicepresidencia avanza na creación da lei galega de servizos sociais

    mariaxesuslago_100_061006.jpgRIBEIRA > Vicepresidencia segue coa súa labor de difusión das novas liñas…

    … que conformarán a política de servizos sociais da Xunta de Galicia. Como xa fixo noutros concellos, a secretaria xeral, María Xesús Lago, desprazouse ata Ribeira para dar a coñecer as bases da nova lei galega de servizos sociais.

    A elaboración desta norma é un dos principais obxectivos do BNG dende a súa chegada ó goberno da Xunta. O antigo regulamento nesta materia data do ano 1993 polo que non contempla os cambios que fixeron mudar a sociedade ata o momento actual.leiservizossociais_200_061006.jpg

    A secretaría xeral de Benestar Social traballa nestes intres na elaboración dun documento de bases no que se intentan recoller as principais aportacións de tódolos actores implicados na prestación de servizos sociais.

    A nova normativa recollerá unha serie de novidades para reforza-lo actual sistema baseadas na clarificación dos niveis de atención e as responsabilidades de cada un dos axentes que forma parte do entramado da asistencia social ou a disponibilidade de mecanismos útiles e eficaces que permitan xestionar o desenvolvemento dos servizos sociais. Para un desenvolvemento pleno da lei e de tódalas súas competencias, Vicepresidencia propón a creación dun Instituto Social que permita a xestión de tódalas prestacións así coma os casos de asistencia social. Neste órgano, incluiríase tamén a Axencia Galega do Menor como complemento para este colectivo de especial protección.

    No plano asistencial preténdese conseguir unha maior especialización polo que ademais da atención especializada é preciso dividir a atención primaria en básica e específica. Por outra banda, a nova política da Xunta en materia social pretende fuxir da colectivización posto que a lei está dirixida á cidadanía en xeral e non a sectores especiais de poboación.

    A intención dos responsables da Consellería é presentar a lei no parlamento no mes de decembro para a súa entrada en vigor no próximo ano.

    Redacción Barbanza