Malestar na comisión do porto de Ribeira polo desinterese da Xunta

    RIBEIRA > A Comisión para a ampliación do porto exterior mantivo unha nova xuntanza para analizar o estado en que se atopa o proxecto.

    Na xuntanza para debater a necesidade da ampliación da dársena ribeiresa participaron, ademais do alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, os voceiros municipais do PP, BNG e IPdeR, o presidente da asociación de empresarios, Xosé Paz Cadaval e a presidenta da asociación de amas de casa, Magdalena Bringas.

    Tamén interviñeron como membros integrantes da comisión o patrón maior da confraría de pescadores, a xerente da cooperativa de armadores de Ribeira, o presidente da asociación do arrastre, o presidente da asociación de armadores de cerco e o presidente de Orpal. As únicas ausencias foron as do protavoz do grupo socialista, Xosé Vicente Domínguez, e o presidente da conserveira Frinsa, Ramiro Carregal, que non puideron asistir á reunión.

    comisionporto_300_061006.jpgA comisión amosou no transcurso deste novo encontro o seu malestar ante a falta de resposta á solicitude de entrevista co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para debater a necesidade de ampliación da liña de atraque do porto ribeirés. Neste punto, os integrantes acordaron solicitar por terceira vez un encontro co titular do goberno autonómico tralas dúas peticións anteriores realizadas o 24 de outubro de 2005 e o 23 de febreiro de 2006. Nesta ocasión, agardan que o presidente acepte reunirse coa comisión no espazo de tempo máis breve posible.

    Por outra banda, os integrantes que participaron na xuntanza destacaron o seu desacordo coas últimas decisións tomadas polo ente autonómico Portos de Galicia en relación coa dársena ribeiresa que supoñen a restricción do acceso ó espazo portuario.

    Redacción Barbanza