![]()
CAMBADOS > O alcalde de Cambados zanxou a polémica pola suposta irregularidade dunha unidade da gardería municipal.
Segundo Tourís, o centro conta con tódolos permisos da Xunta, que é quen autorizou no seu día a actividade; de haber algún erro, sería o goberno galego o responsable de solucionalo. Por iso non entende o acoso de Vicepresidencia contra o Concello e contra el en particular.
Segundo o alcalde de Cambados, tódolos documentos relativos á gardería falan sempre dunha escola infantil de 5 unidades. Así aparece xa no ano 2001, cando se inician os trámites nunha comisión de goberno municipal e así consta no permiso de inicio de actividades dado este mesmo ano pola secretaría que dirixe Antón Losada. E durante 5 anos, en innumerables documentos relacionados coas obras e con diversas subvencións, sempre se fala da escola infantil de 5 unidades. A única vez que se fala de 4, é nun documento que envía a Xunta e que o Concello reproduce, pero trátase tan só dun erro administrativo puntual que debe correxir Vicepresidencia, tal como indica a lei.
Persecución política
O alcalde insiste en que se trata dunha persecución política e baséase nas contradiccións do propio secretario xeral que primeiro culpou ó alcalde e despois recoñeceu que o erro foi do anterior goberno galego, algo no que Cores Tourís coincide. O rexedor tamén explicou que non poden envia-la relación de alumnos da suposta unidade irregular porque hai tres aulas de 2 a 3 anos e a Xunta non sabe explicar cal é a ‘ilegal’. E pregúntase onde está a oposición local que ata o de agora non se posicionou sobre o tema cando moitos pais están serán votantes do BNG ou do PSOE e están esperando oí-lo que teñan que dicir.
Pola súa banda a directora do centro tamén asegurou que tanto a titulación do persoal como as vacinacións están correctas, outra das críticas de Vicepresidencia, e serán enviadas á Xunta nos vindeiros días dentro do prazo legal establecido, como sempre se fixo.
Redacción Salnés








