![]()
BARBANZA > O salón de plenos do concello de Boiro foi o lugar escollido por Arousa Norte para a celebración dunha reunión na que se sentaron as bases para a creación dun consorcio de turismo no Barbanza.
Á xuntanza asistiron uns 30 empresarios, todos eles relacionados co sector turístico e foi promovida a raíz da proposta de constitución dun Consorcio de Turismo en Arousa Norte que estaría formado pola propia Mancomunidade, a Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Turismo. A intención destas tres administracións pasa tamén por implicar nesta iniciativa ó sector turístico e empresarial da zona, daí a realización da reunión, tratando de que estes dous sectores contarán tamén con representación no consorcio. A xerente de Arousa Norte explicoulle ás máis de 30 persoas que asistiron á xuntanza, todos eles empresarios relacionados co sector turístico, en que consiste o consorcio de turismo que se pretende crear e cales serán os seus principais obxectivos, así como a necesidade de implicar ó tecido empresarial da zona.
Idoneidade do Consorcio Turístico
Na reunión tamén estivo presente o presidente de REDETUR, Román Castaño, fixo alusión á idoneidade de crear unha asociación de turismo que englobe a tódalas empresas turísticas existentes en Arousa Norte co obxectivo fundamental de propoñer iniciativas conxuntas e crear un único interlocutor coas administracións. A totalidade dos participantes na xuntanza coincidiron na necesidade de crear esta asociación sectorial, aínda así non se concretou o nome que levará, aprazándose esa decisión para unha vindeira xuntanza prevista no mesmo escenario para o vindeiro martes 17 ás oito da tarde, na que se fixaría tamén a súa asemblea constituínte e a elaboración duns estatutos.
Redacción Barbanza








