Pérez Touriño inaugura as obras da autovía do Barbanza

    BARBANZA > O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidiu o acto de colocación da primeira pedra da autovía do Barbanza. Con esta obra a Consellería de Política Territorial pretende satisfacer unha vella demanda da cidadanía.

    pedraautoviabarbanza_300_101006.jpgO titular do goberno autonómico estivo acompañado neste acto pola Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, o director de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, e os responsables da empresa concesionaria.

    Tamén asisitiron á inauguración das obras diversas autoridades da bisbarra e os representantes dos distintos grupos políticos a nivel local e comarcal. Durante a súa intervención, o presidente da Xunta destacou a necesidade de dotar desta nova infraestrutura a unha comarca como o Barbanza, en crecente expansión, polo que precisa unha urxente mellora da accesibilidade nas súas comunicacións.

    Alta mortandade

    Na cara negativa da necesidade desta infraestrutura, Emilio Pérez Touriño lembrou o alto índice de mortandade rexistrada na vía autonómica do Barbanza dende a súa creación hai catorce anos que supera xa o medio centenar de vítimas mortais. Coa posta en marcha da nova autovía resolverase en gran medida o problema da sinistralidade e duplicarase a capacidade do tráfico.

    Por outra banda, a autovía converterase no eixo dinamizador das bisbarras do Sar e Arousa Norte, contribuíndo á creación de emprego e riqueza, Segundo as cifras aportadas polo presidente da Xunta, os investimentos en infraestruturas neste ano en toda a comunidade acadaron os seiscentos millóns de euros. O compromiso do goberno para o próximo ano é a presentación do Plan Galego de Infraestruturas para a mellora das comunicacións nas comarcas máis punteiras.

    Plan Galego de Seguridade Viaria

    pedraautoviabarbanza_200_101006.jpgA intención do goberno da Xunta é acompañar a creación de novas infraestruturas doutras actuacións encamiñadas a incrementa-la seguridade na rede viaria de Galicia. A educación, a prevención e as campañas de concienciación constitúen as principais liñas do Plan Galego de Seguridade Viaria que Política Territorial está a desenvolver na comunidade. A Consellería de Política Territorial tamén destinará importantes contías ó mantemento das vías xa existentes e á súa conservación en condicións de seguridade.

    Nos presupostos do vindeiro ano destinaranse máis de cincuenta millóns de euros para a eliminación dos puntos de concentración de accidentes nas estradas galegas. A presente obra da autovía do Barbanza suporá un investimento de 127 millóns de euros. A construción, financiamento e explotación correrá a cargo da sociedade ‘Autovía del Barbanza, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. Como contraprestación, a Consellería de Política Territorial aboará un canon de demanda á concesionaria, unha vez entre en servizo a nova vía.

    Pola súa banda, a administración autonómica esixirá o cumprimento duns niveis de calidade tanto na construción como no mantemento da autovía. O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, quixo agradecer ós representantes autonómicos a súa presenza neste acto que anuncia un futuro mellor para a comarca do Barbanza, baseado na seguridade e o progreso. Ademais do apoio do goberno da Xunta, do Estado e da Unión Europea, o rexedor local lembrou a colaboración amosada polos veciños que verán afectadas as súas propiedades e quixo ter un especial recordo cara tódalas vítimas que perderon a vida na vía rápida do Barbanza.

    Redacción Barbanza