![]()
O GROVE > O concello apura estes días a redacción do orzamento municipal para o 2008. Barállanse dúas datas para a súa aprobación, no pleno ordinario …
… do 31 de marzo, ou nun extraordinario na primeira quincena do mes de abril. O goberno local estima que para este ano poderán contar cuns 10 millóns de euros a repartir entre as distintas concellarías do executivo, que agora están acordando as partidas que recibirán cada unha.
Será unha suba substancial respecto ó 2007, cando contaron cun presuposto de nove millóns douscentos mil euros. Entre as principais actuacións que incluirá o orzamento atópase a mellora do servizo da limpeza, a canalización e saneamento de varias rúas, ou a construción dun edificio anexo á casa consistorial.
Na xuntanza tamén se tratou a reforma fiscal que o grupo de goberno local contemplará a suba dalgunhas taxas, coma a dos vados permanentes, e mesmo a creación doutras novas. Búscase, subliñou esta mañá o alcalde, José Antonio Cacabelos, poder obter máis recursos para mellorar a prestación dos servizos no concello.
Pero na xuntanza de onte tamén se trataron dous temas de compoñente urbanística, e de especial relevancia para o desenvolvemento do concello. Por un lado, a dotación dun solo industrial na zona da Cova da Lagoa, en Siradella, á que trasladar tódalas naves, talleres, e pequenas industrias que agora mesmo se atopan no centro da vila. E por outro, a redacción do informe no que agora está a traballar o concello para a creación dun novo centro médico.
Ademais para este ano, pero xa nos últimos meses do 2008, tamén queren ter rematado o orzamento do 2009.
Redacción Salnés






