As chuvias volven arrastrar cinza ata os areais barbanzáns

    BARBANZA > Novamente as consecuencias do lume están a ter un impacto negativo sobre o sector marítimo. As fortes chuvias dos últimos días arrastraron os residuos do monte queimado ata os areais do Barbanza.

    Ó igual que en anteriores ocasións, a praia máis afectada foi a dos Raposiños, na Pobra do Caramiñal, onde aínda son visibles algúns restos de cinza e demais residuos procedentes dos montes.

    Durante tres días, o persoal do sector e membros da confraría pobresa afanáronse na limpeza das praias e a retirada dos principais residuos. Os traballos leváronse a cabo co apoio de tres tractores e unha pala mecánica pero aínda así non foi suficiente para retirar tódolos residuos posto que había zonas onde a capa de cinza acadaba os vinte centímetros de espesor. A intención do póstio pobrés é continuar coas tarefas de limpeza durante a fin de semana para evitar que resulten afectados os bancos marisqueiros.

    Ata o momento, xa se constatou a presenza dalgún bivalvo morto a causa da cinza e os productores temen que esta situación se agrave coa chegada do mal tempo e as chuvias. A Confraría de Cabo de Cruz tamén se está a ver afectada por este problema e xa se rexistrou algún marisco morto nas zonas de Mañóns e as inmediacións do río Coroño en Barraña. En Rianxo a situación é aínda peor posto que a praia da Torre atópase cuberta por unha capa de lodo. Os mariscadores non poden proceder á súa limpeza, posto que o bivalvo quedaría ó aire libre.

    As confrarías barbanzás xa puxeron os feitos en coñecemento da Consellería de Pesca na busca de posibles solucións por parte da administración autonómica. Mentres tanto, agardan que o tempo lles dea unha tregua e que as próximas xhuvis non sexan tan fortes como as rexistradas ata o de agora.

    Redacción Barbanza