O concello de Noia trasládalle a Monbus a necesidade de ampliar liñas e reforzar servizos

NOIA> Dende o concello de Noia traballan na busca de solucións para garantir un transporte axeitado a tódolos usuarios. Representantes municipais mantiveron recentemente unha xuntanza na Consellería de Infraestruturas e Mobilidade con responsables da empresa Monbus para trasladarlle a necesidade de ampliar algunhas liñas e modificar horarios.

A principal demanda consiste na implantación dunha nova liña entre Santiago e Noia para aqueles usuarios procedentes de concellos como Ames ou Brión que cursan estudos no IES Campo de San Alberto. Os representantes do concello trasladaron tamén a necesidade de retrasar o horario do último servizo procedente de Santiago para aqueles traballadores do Hospital Clínico que rematan a quenda ás dez da noite xa que o último autobús sae ás nove e media.

A pesar da complexidade para coordinar os descansos dos condutores e a dispoñibilidade dos autobuses, dende a empresa comprometéronse a estudar as demandas e dar unha rápida solución ás necesidades dos usuarios, especialmente á dos estudantes que xa iniciaron o curso e aínda non contan co servizo.

Nesta liña, o concello ampliará as bonificacións aplicadas por outras administracións con axudas ó transporte escolar para maiores de 21 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí