O BNG de Ribeira solicita medidas urxentes para acabar cos vertidos

    vertidos_100_121006.jpgRIBEIRA > O grupo municipal do BNG vén de solicitar ó concello a adopción de medidas urxentes para erradicar os vertidos nas augas do porto.

    Os nacionalistas de Ribeira veñen denunciando sistematicamente este tipo de prácticas que se dan cada vez con máis frecuencia nas augas ribeiresas. Os vertidos non están provocados por unha única causa senón que a súa orixe é múltiple, dende os residuos dos depósitos dos barcos ata os procedentes da rede de sumidoiros, o que fai máis complicada a súa erradicación definitiva.

    O BNG presentou un escrito no concello instando ó goberno local a tomar as medidas pertinentes para poñer fin ós vertidos procedentes dos sumidoiros e máis da decantadora do Touro. Así mesmo, solicítanlle ó executivo que demande ás autoridades competentes un maior controlpara evitar calquera tipo de vertido na ría, demandando danos e prexuízos nos casos en que proceda.

    Por outra banda, os nacionalistas consideran que a comisión deste tipo de delictos non pode quedar impune polo que instan ás autoridades a levar as investigacións sobre a súa autoría ata o final. Un dos principais efectos negativos dos vertidos son os danos que poden provocar sobre os numerosos bancos marisqueiros existentes na ría.

    Por este motivo, o BNG solicita a dotación de barreiras protectoras e sistemas anticontaminación no peirao de Ribeira para reducir o efecto contaminante no caso de que se sigan a producir vertidos.

    Redacción Barbanza