Mar e cultura inundarán Ribeira nunha nova edición de Artemar

    RIBEIRA> O mar volverá encher Ribeira entre os días 17 e 20 de agosto coa sexta edición de Artemar. Esta Feira Mariñeira encherá cada recuncho do casco urbano de actividades cun gran mercado artesanal polas principais rúas. Mar e cultura conforman un binomio perfecto que cada mes de agosto inunda Ribeira. A sexta edición de Artemar desenvolverase esta fin de semana cun notable incremento de actividades con respecto a anos anteriores e a gran implicación do tecido asociativo e empresarial da vila. O pregón inaugural correrá a cargo do humorista Isi que dará o pistoletazo de saída a catro días nos que o centro da vila se converterá nun gran mercado artesanal con máis dun cento de postos. Destacan, entre a inxente oferta programática, a ruta de tapas mariñeira ou os concursos de escaparatismo e decoración.