OUTES> Superada a sorpresa inicial causada pola presentación da moción de censura, os responsables do goberno de Outes expuxeron as súas reaccións ante esta manobra que, previsiblemente, os afastará do concello. O pleno para aprobar a moción e investir ó novo alcalde celebrarase o 25 de febreiro.
Aínda que lexítima, o alcalde de Outes considera incomprensible esta moción de censura e cualifica pouco ética a maneira elixida polo PP para facerse coa alcaldía. Acusan ós populares de aliarse cun concelleiro tránsfuga movido unicamente por interese persoal e non polo ben común do concello.
González fai un balance moi positivo deste ano e medio de lexislatura nos que, xunto co mandato anterior nos que Compromiso por Outes gobernou en solitario, sacaron adiante proxectos moi beneficiosos para a cidadanía.
Salvo sorpresa de última hora, González finalizará o seu mandato o próximo 25 de febreiro cando se celebrará o pleno para debater a moción de censura no que será investido o novo alcalde.
O voceiro de BNG e tenente alcalde de Outes, Anxo Núñez, foi aínda máis crítico co edil socialista, Acúsao de venderse ós populares, traizoando ós votantes que lle outorgaron a súa confianza cando concorreu ás eleccións baixo as siglas socialistas.
Considera o voceiro nacionalista que non existe motivación política para rachar co goberno posto que a lexislatura transcorreu ata o momento sen conflitos. Alude, pola contra, a outro tipo de intereses.











